Día de festa en Becerreá, e non só polo San Xoán, aínda que algo ten que ver co patrón. Por fin, despois de máis dun ano sen soar, o campanario da igrexa ten campá nova. E tal foi o acontecemento que o sol quixo saír por fin para velo, para relucir neses noventa quilos de aliaxe de cobre e estaño, mesmo coma se de cousa divina se tratase.
Divina, pero moi humana. Pois a campá da igrexa é cousa de todos, do son que marca o tempo para todo o pobo, das distintas novas que corren polo aire en función do seu toque. "No rural é moi importante este son, e non quixemos que esmorecese", comenta o cura, José Río Ramilo, un son que volverá dar as horas a partir do vindeiro 13 de xullo.
Para os veciños é a primeira vez que isto acontece. De feito, a campá que rachou o ano pasado, tocando a novena da Candelaria, era de finais do século XVIII, polo que xa estivera na igrexa anterior da que hoxe non queda rastro a carón do cemiterio, na igrexa temporal que estivo no edificio onde agora está o Bar Correos, e nesta.
"Tivemos sempre estas dúas campás, a que se estragou, que era a campá de San Xoán, e a da Candelaria, que a acompañaba nas festas", destaca Río Ramilo. A nova campá ten xa un nome distinto, o de 'Jesús, María e José'. A verdade é que era máis barata ca a do San Xoán, e xa que o Concello apoiou para poder sufragala, non quixeron poñerse caprichosos. O capricho, de feito, implicaría facer outro molde enteiro.
O oficio do campaneiro
Tampouco é que abonden os campaneiros hoxe en día. A campá nova vén de Campanas OCampo, que leva 400 anos de pais a fillos facendo estas pezas en Caldas de Reis, e é o único taller en todo o Estado que mantén unha produción totalmente manual. De feito, a peza anterior á que onte subía ao campanario en Becerreá mandárona a Kenia. "Fan algo moi especial, e teñen moito traballo, por iso demoramos tanto tempo sen ela", comenta Río Ramilo.
O toque, iso si, vai agora cun sistema de programación automática. E onte case que volveron tolos aos veciños da vila con esta programación, que se probando o toque de defuntos, ou o das vodas, ou o do 'angelus' que soará ás 12.00 da mañá cada día, ou o do anuncio da misa, e mesmo o que antano lle chamaban 'o arrebato', o de emerxencias.
"Este instalámolo porque queremos facelo soar cando se celebre a recreación da batalla de Cruzul, en maio. Xa que puxemos nova campá, pois que soe todo o que queiran os veciños, aínda que este espero que non haxa que usalo máis veces", dicía onte Ramilo. Pola noite, iso si, deixará o ceo en silencio.
Polo momento, aínda están axustando os distintos toques. Mesmo existe a posibilidade de que, máis adiante, o cura poida tocala a través dun sistema wifi, estea onde estea. "Nunca pensamos que isto fose tan moderno! Temos unha campá intelixente!", exclama.
Beizón e sidra
Preto de 90 quilos e 54 centímetros de diámetro merecen unha beizón especial. Por iso, o vindeiro 13 de xullo ás 20.00 horas farán unha cerimonia solemne, na que participará o arcipreste de Becerreá, Antonio Agra, representante do bispo na zona.
Ademais, non só vai soar o ceo ese día, senón tamén o 'restallu', o chorro de sidra no vidro dos vasos que alí se xunten. Pois si. Grazas a un párroco ben afeccionado aos pomares, haberá sidra para todos os veciños que queiran celebrar este acontecemento, ese sol que volve relucir para todo o mundo na montaña.
Campanas de México ✱ Actualización 07-07-2024 ✱ 083038@gmail.com